16 de novembro: A desacaciación continúa en Lentille (O Ribeiro)
A Asociación Veciñal de Lentille convoca as Brigadas mais outra vez para insistirmos no combate constante contra o frente de mimosa que asedia a aldea e inza a comarca. Desta volta traballaremos na estrema da Levada e na ladeira das Aradas onde o esforzo brigadista tanto paseniño avance ven asentando. Tamén eliminaremos algún rebrote residual dos eucaliptos retirados hai un par de anos.
O punto de encontro será o habitual no Souto e desde alí repartirémonos en grupos e endereitaremos cara as áreas de traballo. Teredes que estar alí ás 9:30 puntualmente. Disporemos auga fresca e uns petiscos a media mañán con café, froita e unhas madalenas. Remataremos contra as 14:00 pra xantarmos. Cremiña de verduras e lasagnas, ben sabedes. O albaroque acontecerá na terraza do Cabildo se o clima concorda, e se non habilitaremos o garaxe.
Na parte da tarde a Su impartirá un obradoiro sobre construcción de refuxios para entomofauna. A intervención encádrase no proxecto “De monte a monte”, unha iniciativa de Verdegaia, Montescola e Veredas da Estrela co apoio do programa Erasmus+ que promoverá nos próximos 18 meses accións de voluntariado, formación e partilla a ambos lados da raia.
Para vos apuntardes é imprescindible (alén de estardes inscritos como brigadistas) remitir un email para avlentille@gmail.com até o 12 de Novembro a máis tardar, comprometendo asistencia.
As prazas son limitadas. Non demoredes en vos apuntar.
VÉMONOS NO MONTE !!!
https://www.verdegaia.org/wp/16-de-novembro-a-desacaciacion-continua-en-lentille-o-ribeiro/
Dieses forum ist nur für Teamers und Teaming Managers dieser Gruppe.
Um zu kommentieren: